xoves, 7 de xuño de 2018

Que facer coas ACIS e co noso sistema educativo

Traballando estes días nas reunións de avaliación, unha das cuestións que a miúdo se poñen sobre a mesa é a idoneidade ou non de terlle feito a “fulanita” ou “menganito” unhas ACIs (ou ben a principio de curso, ou xa tería que térselle feito anos atrás), e claro, a estas alturas, agora, o problema é non terlle feito unhas ACIs, xa, claro. 
Pois salta así un dos temas complicados que amosan as diferentes correntes pedagóxicas que hai no conxunto de mestres e mestas que nos atopamos estes días nas avaliacións. Teño (cada vez máis) a sensación de que estas estratexias educativas (si, as ACIs, que na teoría adecúan o currículo en determinados obxectivos ou contidos ou directamente eliminan aqueles que se consideren imposibles de acadar) son contrarias a unha educación inclusiva real. 
Mais o erro igual está en seguir pensando que tódolos nenos e nenas aprenden o mesmo, do mesmo xeito, ao mesmo ritmo. Entón, quen nós consideremos que non se axusta á homoxeneidade do que propomos (ou do que nos propoñen dende os currículums das materias) para a etapa na que se atopan, pois “etiquetamos” e ao canto. En calquera caso, aquela mestra ou mestre que consegue etiquetar a un neno ou nena presupón uns posibles beneficios, pero igual debería valorar que poden traer consigo outras limitacións maiores.
Podemos comezar falando das limitacións que un neno ou nena se autoimpón no momento que se lle considera de ACI e se lle manda así a mensaxe de que xa non pode facer por si solo ou sola o mesmo que as demáis persoas que están con el na aula. Podemos falar das limitacións académicas que, dependendo do dictamen educativo, poden non ter volta atrás, independentemente da melloría ou da evolución que amose nas aprendizaxes a persoas etiquetada, e mesmo perda a posibilidade (ou o dereito) de obter o mesmo título de Educación Obrigatoria que tódalas demáis persoas obteñen. Podemos falar da separación, do alonxameto nas dinámicas da clase (xa non digamos se ten que saír fora da aula para recibir reforzos). Que sensación terá cando volva e os proxectos e actividades que fan os seus compañeiros e compañeiras estean avanzadas ou xa non teñan que ver cos que facían antes de saír a reforzo? 
Teño a sensación de que as Adaptacións Curriculares son moi cuestionables.
Igual habería que comezar polos propios currículos “normais” de todo o alumnado. Traballando o mesmo temario, con diferentes niveis de profundidade, adaptados a cada neno e nena da aula con diferentes camiños de acceso,
facendo as programacións atendendo ás necesidades do grupo clase e non tragando aquelas que as editorias mastigan dende os seus laboratorios, igual se lle daría outro tipo de resposta aos alumnos e alumnas que poden acadar máis, igual ou menos.
Non sei, o que non me gusta é aquilo de abrir o libro pola páxina 24 e facer o que alí nos propoñen para logo sacar o cuaderniño de solucións e comprobar como contestaron todos e todas, menos as persoas que teñen o seu libriño especial no que na páxina 24 hai outra cousa completamente diferente, e sen cuaderniño de solucións, porque, para o caso...

Ningún comentario:

Publicar un comentario