xoves, 7 de xuño de 2018

A disciplina non se adquire só con normas

Estes días, falando con algunha persoa das que traballa comigo (do mellorciño que hai en canto a visión pedagóxica, implicación e paixón polo traballo), amosábame unha certa preocupación pola cantidade de rapazada que parece que hai agora con problemas de disrupción (que molestan constantemente, deixan sen forzas e sen enerxías aos profesores e profesoras polas veces que interrompen, ou que están desmotivados polo que se fai na aula) e que conseguen, con esa actitude, incluso desmotivar ao profesorado, e así foime comentando unha ristra de queixas que parecía non ter fin, pero que como consecuencia lle producía unha gran preocupación e incluso un pouco de frustración ante esta situación.
Fíxome reflexionar, e pensando, desde que eu teño memoria (memoria pedagóxica), lembro que esta realidade sempre estivo aí, ás veces en maior ou menor medida, pero sempre lembro rapazada que molestaba na aula, dificultaba o traballo e interrompía ao resto de nenos e nenas que tiñan como compañeiros ou compañeiras nos traballos.
O que tamén lembro desde que teño memoria (memoria pedagóxica) é que estas queixas por parte de mestres e mestras remata abordándose do mesmo xeito, principalmente desde un enfoque de castigo/disciplina, que consegue a curto prazo quitarnos ao neno ou nena disruptiva do medio pero que en realidade non soluciona o problema.
Cada vez teño máis claro que a mera imposición de sancións, por si sola, non resolve ningún problema de convivencia nas aulas, aínda que sexa a opción que usamos maioritariamente profesores e profesoras (aínda hai xente que espera que a rapazada estea en silencio toda a clase prestando atención ás súas explicacións sen moverse do sitio). No día a día, aplicando sancións a todo tipo de condutas, sen discriminar a gravidade ou importancia das mesmas (por exemplo: expulso de clase por falar, por chegar tarde, por insultar, non traer tarefa…) non conseguiremos contención nas condutas. É fundamental comezar diferenciando que é unha indisciplina e que é unha conduta disruptiva para poder intervir desde numerosos enfoques alternativos, para buscar solucións aos problemas que aparecen no día a día sin ter que empregar a imposición de sancións senón máis ben a mediación (aula de convivencia, resolución de conflitos entre iguais, círculos restaurativos…) mais estes enfoques requiren por parte do profesorado dunha formación específica que permita a adquisición de ferramentas para poder interpretar e encauzar as interaccións que se producen nas aulas. É importantísimo ser conscientes que detrás das disrupcións hai moitísimos factores (familiares, baixa autoestima, falta de espectativas, desmotivación…) que non poden ter a mesma consecuencia ou castigo.
Se nos preocupamos excesivamente na tarefa e o control da disciplina e deixamos de lado outros aspectos que existen nas nosas aulas e que son aspectos máis emocionais será moi difícil atopar un camiño.
Hoxe en día é fundamental actualizar o xeito de mirar cara as crianzas, buscando a participación de todos e todas, aceptando a responsabilidade que implica a pertenza a un grupo. A disciplina xa non pode ser entendida como aquela lista de normas ou reglas que nos din como temos que comportarnos e para a cal temos a alguén que nos controla. Debe ser unha aprendizaxe máis, unha aprendizaxe da propia conduta, na que as regras deriban de experiencias reais, modificadas no grupo e establecidas por todos e todas. O obxectivo debe ser que cada persoa constrúa a súa propia conduta e niso é no que debemos poñer tódalas nosas ferramentas como profesionais da educación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario