xoves, 7 de xuño de 2018

Para que as cualificacións?

Xa que se achega o día de poñelas nos boletíns (se non as estamos poñendo xa) quería reflexionar sobre que significan para min as calificacións escolares, pois parece que para moita xente esta ferramenta é unha especie de carta sagrada na que se identifican e miden non só os coñecementos, senón que ata poden chegar a posuír o poder de valorar a calidade da rapazada. 
Hai unha gran corrente de pensamento que pretende que o centro do proceso das aprendizaxes sexan, primeiro as probas cuantificativas (exames) e logo as calificacións (as notas). Esta corrente o que fai é contribuir ao empobrecemento da calidade educativa, e así, hoxe en día podemos ter boas calificacións (sendo quen de contestar correctamente a preguntas) sen realmente aprender ou saber. 
Por iso deberiamos recoñecer que as calificacións nin miden o coñecemento, nin as habilidades intelectuais, nin moito menos a calidade das persoas. Eu aínda diría máis, de facer algo, o que fan é producir máis fracasos que calquer outra práctica escolar.
Cando traballei o coñecemento do medio coa rapazada, de seguir esa corrente case hexemónica tería feito unha proba estandarizada (dez preguntas a un punto cada unha), e se alguén fose quen de escribir os datos pedidos sen erros, eu como profesor, como outorgador de calificacións, tería que calificar con un 10 ese exame, e como consecuencia, o boletín con sobresaliente. Pero iso non me permitiría ter en conta a actitude desa persoa ante a natureza, ante o seu entorno, como é a relación que garda co medio ambiente e os recursos naturais, cos compañeiros e compañeiras, o respecto con todo o que a rodea…
Claro, a corrente que antes mencionaba (que como postulado defende algo así: na escola o importante é memorizar, lembrar o que memorizaches e repetilo cando cho pregunten. O importante é un pensamento que resolva problemas para os que xa hai unhas respostas precisas) xustificaría que iso que eu digo que non podo medir coas “probas” non ten que ver coa materia, ou que se debe “calificar” noutro apartado específico para esas cousas.
Nesa corrente realmente só interesan as “notas de verdade” (non negarei que as notas poderían servir como unha axuda puntual e complementaria aos mestres e mestras na observación persoal do proceso de aprendizaxe do alumnado, pero tendo sempre en conta que o realmente importante é o que cada persoa pode por simesma, o que é quen de facer porque xa o comprendeu, a toma progresiva de conciencia por parte da rapazada do proceso da súa propia aprendizaxe).
Por esa importancia que pretenden conferirlles, dáme a impresión que as calificacións actualmente están sendo a esencia e o fin da educación, pois incluso as persoas que nos resistimos a deixarnos levar pola corrente, caemos no mal uso do proceso de avaliación. 
Para moita xente (non toda) estanse convertendo no substituto da propia avaliación (que busca ser o acompañamento na creación dun pensamento crítico). 
As calificacións son o contrario da significacion das aprendizaxes a través dos plantexamentos dos problemas, da búsqueda das alternativas, da execución creativa das mesmas. Non lles interesa promover que cada persoa sexa creadora dos seus procesos e consciente dos resultados das súas aprendizaxes. Pero esas calificacións nunca serán en si mesmas un proceso avaliativo positivo, aínda que se definan como científicas ou se lle asignen números, letras, debuxiños… é máis, poñen unha presión innecesaria na rapazada e xeran divisións, comparacións subxectivas homoxeneizadoras.
A avaliación é moi diferente a calificación, pois na primeira debe existir a búsqueda crítica das oprtunidades que precisa a rapazada para que sepan e podan mellorar, sendo o resultado dun proceso de traballo de observación, planificación e reflexión das metas acadadas e as propostas para mellorar.
Se lembramos cal debería ser a finalidade do proceso avaliador, se entendemos a avaliación como a oportunidade para abrir o camiño, deberiamos recoñecer a innecesaria función das calificacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario