xoves, 7 de xuño de 2018

Que acontece ao pasar á ESO?

Que acontece ao pasar á ESO?
Agora que se achega o final de curso, lendo varios artigos sobre os problemas que xorden cando as crianzas pasan de Primaria a Secundaria, fixéronme reflexionar. Que pasa coa rapazada cando pasa “ao cole dos maiores”?
O noso sistema educativo divide a escolaridade en distintas etapas, fundamentando estas divisións na psicoloxía evolutiva, de xeito que cada un dos cambios estarían relacionados coas fases do desenvolvemento da persoa. Así pois, educación Infantil corresponderíase (en termos xerais) coa etapa da primeira infancia do desenvolvemento evolutivo, educación Primaria coa infancia media e a ESO coa pubertade e a adolescencia. Polo tanto, o noso sistema educativo xustifica que cando un ou unha estudante está vivindo unha etapa de cambios no seu desenvolvemento, é un bo momento para facer tamén unha transición escolar.
Mais a división que se fai nas distintas etapas non ten en conta que aproximadamente á idade de 9 anos ábrese un espazo de tempo no desenvolvemento cognitivo no cal se consolidan varias operacións (finalizando entre outras, en xeral, os procesos de lectoescritura e das operacións matemáticas básicas). Este espazo de tempo duraría ata os 14 anos (máis ou menos), cando se é máis permeable ao pensameto abstracto. É dicir, habería un espazo que iría de quinto de Primaria ata segundo da ESO que baixo o meu punto de vista, o noso sistema educativo tronza, e vese separado de xeito traumático e artificial.
Traumático porque, aínda que existen moitas maneiras de vivir este periodo (tantas como persoas chegan a el) poderiamos dicir que, en termos xerais, estaría caracterizado polo gran cambio da propia percepción de si mesmo ou mesma. Un cambio que busca unha “nova versión” da persoa influenciada por un maior interese cara as persoas que se entenden como iguais. Tamén é un momento de cambios físicos significativos, de distanciamento do fogar e de achegamento a outras realidades e a novas relacións e amizades, así como dos primeiros “grandes amores”. Pero isto non se ten o suficientemente en conta, ou non se lle dá a importancia e o peso que ten no condicionamento e adquisición das distintas aprendizaxes. En primeiro da ESO pouco se fala da formación do autoconcepto que adquiren as e os estudantes, nin sequera do novo “autoconcepto académico” que aparece coas novas tarefas, traballos e notas que se lle exixen.
Artificial porque en tres meses pasan de ser as e os maiores de Primaria aos máis pequenos e pequenas da ESO, de traballar baixo metodoloxías nas que se lle dá máis importancia aos procedementos, á demanda de moitos máis contidos conceptuais, con metodoloxías nas que collen maior peso as explicacións dos profesores e profesoras, dun maior traballo “autónomo” nas casas (máis deberes), de procesos de avaliación centrados case exclusivamente en resultados académicos (notas), en definitiva, exíxeselle maior capacidade de autonomía e responsabilidade, así como maior autocontrol, planificación e organización pasando só tres meses de verán.
Dende o último día de sexto en xuño ao primeiro día na ESO en setembro, as tarefas que se presentarán serán máis complexas e requerirán dun conxunto de habilidades (académicas e sociais) e capacidades persoais que, en ocasións, producen na rapazada unha presión e un medo ao “fracaso”, ao non ser quen de adaptarse en tan pouco tempo ás novas exixencias, que non teñen en conta todo o anteriormente exposto.
O noso sistema educativo, desde o primeiro día na ESO, esquécese do “continuo” proceso de formación da persoa e dálle máis importancia a toda a información que teña que ver coa disciplina, coa orde e co cumprimento das “normas”. Coa carga de traballo fundamentalmente enfocado ao competencial (facer persoas competentes, excesivamente competentes), con exames que cuantifican e se traducen nunha nota numérica, desaparecendo o diagnóstico que busca saber que precisan as e os alumnos e que aspectos hai que cambiar para acadar a consecución as necesidades que farán medrar cognitivamente aos e ás rapazas.
Algo non está ben cando en tres meses cambian tantas cousas, e nos tres meses seguintes moitas alumnas e alumnos chegan coas notas de nadal a casa con catro, cinco ou seis insuficientes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario