mércores, 24 de maio de 2017

Coidados e educación

Despois de ver a película  "Educación prohibida" é imposible non pararse a reflexionar  sobre as cuestións que nela se plantexan.

A idea de buscar unha boa calidade de vida e o ben común para a nosa comunidade queda totalmente esquecida no actual sistema educativo.
Un modelo mecánico/administrativo, repetitivo e dirixido a un gran colectivo homoxéneo no que se potencia un individualismo competitivo mediante a adquisición de contidos fragmentados.
Un modelo que segue un proceso educativo de adquisición de conceptos que se nos transmiten a modo de verdades que temos que adquirir.
Un modelo no que as respostas xa nos veñen impostas, e en moitos casos convértense nun número cuantificativo do coñecemento adquirido.
Esa cuantificación trasládase posteriormente ás notas ou aos boletíns, baseadas en valoracións subxectivas, que tenden a premiar ou castigar, á comparación e a converter ás persoas en meros números, limitan (por non dicir directamente que destrúen) o proceso de aprendizaxe. Un proceso que debería ser todo o contrario, é dicir, un proceso orientado cara as preguntas, cara o descubrimento, cara a búsqueda de situacións que sexan novidosas. Pois así aparecerá a sorpresa e tratarase de buscar a explicación. As respostas veñen, pero non deben ser o obxectivo principal do proceso.
Quédome coa pregunta que calquer educador, educadora, mestre, mestra, profesor, profesora, coidador ou coidadora debería facerse tódolos días: que sentimos cando educamos? E a paz ou o conflito que obteña como resposta será o camiño para adecuar as diferentes pedagoxías aos momentos, aos grupos, á contorna na que debo coidar para ter a capacidade do fluir da vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario